“Vivo o ‘da a da’ como mtodo de supervivencia”

Hai dúas cousas que Pilar Pallarés non perdoa, haxa ou non confinamento. Unha é pór os brincos, un xesto que fixo mesmo na padiola logo de longas e complexas intervencións no hospital. O outro é a raia do ollo, ese kohl negro que decora as pálpebras, aínda que non a vexa “ninguén”. “A min deprímeme estar coa bata na casa, por iso nunca o fago. Tamén sigo coa miña obsesión de ter o pelo impoluto”, di a poeta coruñesa, recluída no seu piso na cidade.

O estado de alarma pásao nun illamento relativo, sen ningún familiar pero cos seus gatos. Na corentena acompáñaa ademais Ricardo Carvalho Calero, cuxos textos protagonizan a meirande parte dos seus días. Cada xornada comeza para a autora coa limpeza da casa e o coidado das mascotas, que axudan a lidar co que máis lle está “custando”, a falta “de relacións con outros seres humanos”. Os escritos agárdanlle logo na mesa, formando grosas montañas, para continuar nesa relectura da súa obra completa na que se atopa somerxida.

A escritora, Premio Nacional de Poesía en 2019, é a encargada de seleccionar as pezas do ferrolán que se lerán o Día das Letras Galegas. O acto será pola rede e non presencial debido ao virus, pero ela acomete o labor co mesmo ánimo. Asegura que a tarefa permítelle distraerse, e que os días non pesen tanto malia a reclusión. “Esta situación colleume con moita tarefa. Non se me está pasando lento o tempo, ao contrario”, afirma a autora de Tempo fósil.

Sexan cantos sexan os quefaceres a atender, sinala, sempre trata de sacar un oco para os seus achegados. Non hai día no que a coruñesa non colla o teléfono para falar con algún amigo, ou que redacte un correo electrónico como antes se facía coas cartas. Escribir literatura, namentres, é “puramente circunstancial”. “A miña poesía é reflexión pura, e non creo que este sexa o momento para darlle voltas ás cousas”, apunta a autora, que decidiu practicar “o día a día como método de supervivencia”, e deixar a un lado a súa “obsesión pola información”.

“Decateime de que o levaba moito peor, e decidín non estar tan pendente. Creo que non é o mellor a nivel psicolóxico”, di a coruñesa. No canto do telexornal, prefire programas como El concurso del año, o seu pracer culpable. Gústalle tamén gozar dalgún filme, como a saga Alien, que aproveita para repasar estes días. A lectura, máis aló de Calero, queda ao marxe, porque “pásame o que a moitos amigos, son incapaz de concentrarme porque teño a mente noutra cosa”. O que máis lle bule na cabeza “son as consecuencias económicas” da pandemia, e a “miseria que moitas persoas” sufrirán cando remate, e a vida volva, aínda que non para todos, ao seu leito cotiá.

Pallarés é “pesimista” tamén a nivel social, e non confía en que a solidariedade se impoña nun mundo posterior ao Covid-19. “No meu barrio o que vexo é un sálvese quen poida. O que creo é que logo disto vanse afondar as diferenzas entre xeracións”, augura.

Leave A Reply

Your email address will not be published.