“Traballamos para que os menos usuarios posibles do albergue de Riazor volvan ra”

Á alcaldesa, Inés Rey, non lle gusta falar da “nova normalidade” senón da realidade que lle espera nestes meses á cidade de convivencia co virus. Espera que a desescalada permita celebrar festas nos barrios e facer “algo” en San Xoán.

Ninguén contaba con esta situación, pero levamos dous meses confinados.

Parece un mal soño. Agora podemos iniciar a desescalada con moitas cautelas. Creo que ten que ser moi lenta, gradual e progresiva e, se nalgún momento as cifras non son as desexadas temos que asumir que hai que parar e esperar.

Na Coruña a data do San Xoán está marcada en vermello, xa anunciou que non será como era, é o momento de dicir que non se vai celebrar?

O San Xoán tal e como o coñecemos, como unha festa na praia onde se reúnen 100.000 persoas non se vai poder facer. Cando teñamos a certeza do que se pode facer nesas datas, exploraremos outros formatos, con medidas de seguridade, pero que permita que a xente poida celebrar algo esa noite.

Se o Goberno non o prohíbe, o Concello non vai renunciar a un San Xoán alternativo?

Adiantarnos a un escenario descoñecido pode supoñer que creemos falsas expectativas e haxa que rectificar ou que nos poidamos quedar curtos nas previsións. Ata que esa meta non se achegue e non saibamos como estarán as cifras e en que situación da desescalada nos atopamos, non poderemos anunciar nada máis.

En que escenario traballan coas festas de María Pita?

Cos que están recollidos nas fases, con capacidades reducidas, cun escenario no que este tipo de eventos se poida facer en todos os barrios e no que se poida potenciar o sector cultural local e os grupos locais, que están a sufrir moi gravemente os efectos da crise económica derivada da pandemia. Haberá algunhas citas que se poidan celebrar con medidas de seguridade e o control de capacidades pertinente, como a Feira do Libro ou Viñetas desde o Atlántico.

E a das Marabillas?

Pola concentración de persoas que supón, polas medidas de hixiene e seguridade que deberían tomarse non parece probable que se poida celebrar no mesmo formato.

Aínda que sexa unha achega ao sector cultural da cidade, ten sentido destinar orzamento a unhas festas tan limitadas?

O Goberno local ten un compromiso de reactivación económica da cidade que se fundamenta en tres eixos e que se pactaron con todos os grupos políticos. Facemos unha aposta polas políticas sociais; temos axudas as pequenas e medianas empresas que teñen sufrido Ertes en sectores estratéxicos, como o comercio ou a hostalaría; e potenciamos os programas de formación para os traballadores que se teñen que reciclar nesta etapa. A Comisión de Facenda está a estudar cos grupos políticos un cambio no orzamento. Ninguén vai quedar atrás. O Concello vai estar, ao carón dos que máis o necesitan.

En que contía se reducirá a partida de Festas para incorporala a este plan de reactivación?

Non o sabemos aínda, o acordo non está pechado. Estamos a falar dun investimento duns 13 ou 14 millóns de euros en total para dar resposta a todas estas situacións.

Teñen unha data fixada para levar a Pleno ese cambio no orzamento?

Canto antes. Todos os grupos están a traballar arreo na comisión.

Avogan tamén pola obra pública como un dos alicerces para a recuperación económica, por que optan por esta opción?

O Concello non parou de traballar en toda esta pandemia. Nos ámbitos que sexan responsabilidade do Concello vaise traballar para que ese investimento saia adiante e se vaia mobilizando a economía local. Un exemplo é a obra pública e outro o labor que fixo o Concello para manter o emprego dos 2.300 traballadores das concesionarias non suspendendo os contratos.

Algunhas destas concesionarias que non puideron prestar servizo perderon ingresos, terá que facer fronte o Concello a estas perdas con fondos propios?

Non nos constan solicitudes de indemnización das concesionarias municipais. Se algunha solicitase indemnización por suspensión de servizo que, repito, non se produciu, habería que estudala para ver se é a Administración local ou a estatal a que ten que paliar estas perdas.

A Compañía de Tranvías reduciu o seu servizo un 70%, vai ter que pagar o Concello á concesionaria por este motivo?

Ese tema tratouse a semana pasada na constitución da Mesa da Mobilidade da FEMP. Ímosllo trasladar ao Goberno do Estado porque a causa da redución non é imputable á Administración local. É un bo momento para falar do financiamento local e do marco xurídico no que nos desenvolvemos con restricións financeiras. Somos as que prestamos moitísimos servizos neste estado de alarma. Houbo unha atención directa os cidadáns. É a primeira Administración coa que se atopan cando teñen unha necesidade e saben como temos respondido nunha situación que era nova para todos.

O Concello está a poñer en marcha medidas de mobilidade, prolongaranse logo do estado de alarma?

A verdade é que son medidas moi comentadas, mesmo me fan propostas na rúa. Insistimos moito no cambio de paradigma que hai que facer na mobilidade para mudar a unha máis sostible e menos dura, que non estea baseada no vehículo privado senón en novos medios de mobilidade e, sobre todo, tendo como punto central o cidadán, que deixa de ser só peón, con espazos urbanos pensados para o lecer, para a mobilidade e para o traballo. Ese cambio de paradigma en situacións normais é difícil porque estamos afeitos a unha inercia de moitos anos. Resulta que hai xente nesta pandemia que está a descubrir a cidade, que está camiñando por ela e vendo que podemos ir a practicamente a todos os puntos da cidade camiñando. Cando a cidade se pensa para o cidadán e se favorecen os espazos públicos, resulta agradable. Ese cambio de paradigma que vivimos de golpe pola pandemia é unha oportunidade para aplicar novas medidas. O outro día anunciamos un plan de mobilidade no que a cidade pasa a ser unha Cidade 30 en practicamente todas as vías agás Alfonso Molina ou As Xubias.

En que vai axudar ese cambio?

O calmado do tráfico vai permitir compatibilizar a circulación rodada con alternativas como a da bicicleta e para iso se están a trazar máis carrís. Os vehículos de mobilidade persoal, como os patinetes, van ter unha nova regulación que imos sacar para eles e tamén potenciaremos o uso do transporte público coa plataforma única, o carril bus. Para que bus e taxi poidan mellorar frecuencias e sexan máis utilizados.

Por que rúas vai ir esa plataforma única?

Os técnicos de mobilidade están ultimando ese trazado. Non é pintar o carril senón ver que rutas teñen máis pasaxeiros e como imos mellorar ese mapa de rutas. Non hai un trazado definitivo aínda.

O cambio nas rutas do bus chegará coa nova normalidade?

Non me gusta nada o da nova normalidade. A min gústame falar de normalidade, porque a normalidade vai ser ter que convivir co virus durante un tempo e iso comprenderá tamén cambiar as formas que temos de movernos pola cidade. A nova normalidade será que haberá rúas dun só sentido e un só carril nos que será prioritario o paso dos peóns. Somos unha sociedade o suficientemente madura como para ir adaptándonos a isto e estas medidas de humanización e de intentar cambiar o chip están a ser ben acollidas. A cidadanía demanda máis espazo para ela e iso axudará a dinamizar o pequeno comercio e a hostalaría.

Que medidas quedarán tras a pandemia?

A peonalización da rúa Compostela á rúa Ferrol, Alcalde Marchesi con Primavera, a zona peonil que estamos a crear desde Os Castros até a Agra, o aumento das zonas para bici e vehículos de mobilidade persoal, a baixada da velocidade a 30, máis estacións de bici Coruña con 500 novas bicicletas das que a metade serán eléctricas. Está prevista unha ampliación do paseo marítimo, xa que as necesidades de tráfico son menores das previstas e non son necesarios dous ou tres carrís e podemos gañar espazo para cidadáns e para deportistas.

Hai proxectos que quedaron estancados, pero outros seguen adiante, como o da ampliación do hospital, canto vai ter que pagar o Concello e en que prazos?

Estamos nunha primeira fase de asinar o convenio que define os compromisos de cada Administración, tanto económicos como de anualidades. Sexa cal sexa a cantidade vai ser plurianual. O Concello amosa o seu compromiso con este proxecto. O investimento en sanidade é necesario e debe ir acompañado de investimento en persoal.

Na presentación, falouse de que o Concello faría as expropiacións e vías, e en que termos se está a redactar o convenio?

O órgano que expropia é a Xunta, non o Concello. O que lle pedimos á Xunta é que esas expropiacións sexan definidas para dar seguridade a propietarios e veciños e que sexan as mínimas posibles. O Concello colaborará nos termos que se pacten no convenio e aí veranse os compromisos de cadaquén e os prazos e as implicacións económicas.

E a cantidade estimada do investimento do Concello é duns 22 millóns de euros?

Non o podo dicir, porque aínda non está acordado. Decidimos facelo seguindo o modelo de Pontevedra, onde o Concello achega unha cantidade fixa e a Xunta fai desde as expropiacións até a construción do hospital. Entendemos que é a mellor fórmula para o Concello da Coruña, a máis rápida e garantista. Estamos estudando o convenio para poder asinalo canto antes.

O albergue de Riazor naceu como un servizo provisional, cando deixará de existir?

Levamos traballando neste proxecto desde o primeiro día do estado de alarma. Ante esta situación, unhas persoas que eran invisibles para todos cando a rúa estaba chea de xente, fixéronse, de súpeto, visibles e teñen o mesmo dereito que as demais a estar confinadas en situación de seguridade. Durante este tempo os técnicos de Servizos Sociais estiveron traballando con eles porque sabemos que este proxecto ten data de caducidade, para que o menor número de xente posible volva á rúa e o maior poida ter unha vida normalizada, a través de itinerarios e de vivendas compartidas, proporcionándolles unha transición á normalidade. Primeiro imos pechar unha das ampliacións porque hai xente que xa abandonou o pavillón e o servizo pecharase definitivamente a finais deste mes.

Como está a ser a comunicación do Concello co Estado, tanto co que ten que ver con fondos, con axudas que se poden solicitar e, incluso de entrega de material de protección?

A comunicación é permanente e fluída. Estamos a disposición permanentemente do Goberno central.

Pedían o outro día varias cidades máis fondos, teñen algunha estimación de canto diñeiro sería preciso para a cidade?

Non. O Goberno central ten cifras macro, pero hai que ver como se concretan e tamén como responde Europa.

E teñen cifras de canto se deixou de ingresar nestes máis de dous meses, non hai ORA, hai menos multas…

Non. As previsións de ingresos que tiñamos para este ano non van casar coas cifras definitivas.

Non hai estimación logo do que costará á cidade, por así dicilo, esta pandemia…

Aínda non.

Fala de non deixar a ninguén atrás, pero se o Concello non ingresa, con que capacidade contan as arcas municipais para facer fronte a esta situación na que máis familias e empresas van precisar unha axuda extra?

É evidente que o Concello ten que facer un esforzo para paliar todas estas situacións. Non sabemos cales van ser os ingresos definitivos nin a participación do Estado neses ingresos.

Outros concellos fixeron axudas directas a pequenas empresas, vaino facer A Coruña?

Concellos coa poboación da Coruña non me consta que o fixesen. Nós imos facer ese plan de reactivación da economía e, ademais, dun xeito eficiente, porque cando un Concello asume competencias que ten que asumir outra Administración non o está a facer ben. O que hai que facer é chegar a todos.

Agora entra outra variable na ecuación, a das eleccións autonómicas, que lle parece a data de xullo para esta cita coas urnas?

Estou centrada na cidade da Coruña e nas necesidades e nas emerxencias que xurdiron nesta crise. Non se trata de salvar gobernos, trátase de salvar vidas. Non estamos saíndo dunha pandemia, estamos saíndo cunha pandemia. Se lle digo a verdade non estou pensando nas eleccións autonómicas.

Hai temas que antes estaban no día a día, como a transformación da fachada litoral, e dos que agora xa non falamos, renuncia o Goberno local a comprar La Solana?

Estes temas non quedaron aparcados sine die. Sufrimos unha pandemia e, polo tanto, nestes dous meses, tratamos de loitar contra o virus e de garantir a seguridade da xente e de que non se parase a máquina e de darlle solución os problemas derivados do estado de alarma. O Concello estaba ao que tiña que estar. Sigo defendendo a creación dun consorcio público para a desafectación dos peiraos e, cando volvamos á normalidade, será un dos temas que seguiremos a tratar tanto co Porto como co Estado. En ningún momento o Goberno municipal renunciou a nada, o que fixo foi traballar nun modificativo para reactivar economicamente a cidade. Estamos actuando de xeito responsable e estamos buscando fondos para o modificativo. Non renunciamos a todas as cousas que queremos facer, pero neste momento témonos que centrar na recuperación económica.

Queda para o ano que vén?

Si, en ningún momento o Concello renunciou a nada.

Seguen en conversas co Estado, por exemplo, polo terreos de Defensa?

Si, seguimos mantendo conversas porque hai moitos temas que seguen pendentes, traballamos na emerxencia pero tamén para avanzar con Adif na intermodal. A Cidade das TIC tamén vai para adiante, son proxectos que non se adiaron.

Leave A Reply

Your email address will not be published.