Olimpada histrica con premio para un colexio corus

0

O profesor de Historia do Colexio Calasanz Padres Escolapios, Adrián Rodríguez, sabe moi ben como transmitirlle ao seu alumnado a verdadeira paixón pola materia, e por iso non escatima en esforzos nin en creatividade á hora de impartir as clases. Mesmo é quen de entrar na aula vestido de soldado prusiano. O docente sempre anima aos seus estudantes a participar na Olimpíada de Historia organizada pola Universidade de Vigo para ampliar os seus coñecementos e vivir a experiencia de formar parte dunha competición lúdica.

Nesta ocasión, o equipo comandado polo docente e conformado por catro alumnos de 4º de Educación Secundaria, Alex Álvarez, Eva Graña, Noelia Gutiérrez e Noa Varela, alzouse o pasado 29 de maio co título de campión da terceira edición do certame tras disputar a fase final contra o Instituto de Educación Secundaria Santa Irene. «Foi unha alegría moi grande para eles. Isto é un premio a todo o traballo que os rapaces fixeron durante todo este tempo», sinala Rodríguez, que tamén fai referencia ás dúas xeracións que participaron con anterioridade na Olimpíada: «O primeiro ano, o Calasanz quedou en terceira posición, e o segundo chegamos ata a segunda fase».

A crise do coronavirus non permitiu que os equipos se trasladasen á Facultade de Historia do campus ourensán coma habitualmente, pero iso non foi un impedimento para a Olimpíada: «Fíxose todo de forma telemática. A facultade foi moi valente, e propuxo seguir adiante desta forma, algo fantástico». As medidas propostas trataron de adaptarse á situación de cada un dos centros que tiñan previsto participar no certame, pero pese a todo, foron moitos os que se retiraron da competición: se normalmente adoita haber uns 20 ou 30 centros, este ano quedaron un total de 12. «Foi unha mágoa, porque algúns non puideron polo tema das conexións», comenta o profesor.

Pero esta non foi a única diferencia con respecto aos anos anteriores, xa que o alumnado tivo que prepararse para esta competición dende as súas casas debido á suspensión das clases: «A carga de traballo para eles foi moi grande neste tempo e fixérono todo de forma voluntaria. Foron capaces de compaxinar as teleclases habituais de cada materia coa preparación que require a Olimpíada».

Así, Noa, Eva, Noelia e Alex especializáronse nun temario que recollía toda historia contemporánea ata a Segunda Guerra Mundial, e máis a historia de España dende a Guerra de Sucesión ata a Primeira República. «Toda a paixón, empeño, entrega e sacrificio que os profesores poñemos neles e todas esas pequenas cousas que facemos a diario, cobran un especial sentido cando vemos todo o que poden facer os alumnos», destaca Rodríguez.

Dende o pasado 25 de maio, algúns dos estudantes de 4º da ESO e 2º de Bachillerato regresaron ás aulas do centro coruñés para continuar coas leccións, e conta Rodríguez que a volta, aínda que esperada, foi un tanto estraña: «Estamos todos separados por pantallas, levamos tapabocas, e desinfectamos todo constantemente. Contamos con que isto teña que manterse o vindeiro curso, e está ben contar con esta experiencia previa».

Agora máis que nunca, o docente fai referencia á importancia de aproximarse á Historia, xa que nun ano cargado de cambios e situacións inéditas, unha mirada ao pasado pode axudar a coñecer novas perspectivas.

«Agora os alumnos están a amosar máis curiosidade por certos temas. É certo que o Covid-19 é algo moi importante para esta xeración, pero a peste tamén o foi na Idade Media. Esta situación é inédita para eles, pero non para a humanidade, e é a través da Historia onde podemos atopar paralelismos e percibir mellor os avances da nosa sociedade», conclúe o docente.

Leave A Reply

Your email address will not be published.