“Levamos dous meses sen ingresos porque non nos deron o cesamento de actividade”

Está tendo un forte impacto o estado de alarma sobre os mariscadores coruñeses?

Si, porque o único comprador que temos mandounos un escrito dicindo que non podía facerlle fronte a seguir collendo os nosos produtos ao pechar os restaurantes e estamos sen traballar dende o 16 de marzo. Estamos á espera de ver se nos conceden o cesamento de actividade, que tivemos que solicitar en maio porque o Goberno dixo que tiñamos que seguir traballando a pesar de non ter compradores e como en marzo traballamos a metade do mes, non chegamos ao 75% de perdas que se estableceu como límite para pedilo. Por iso houbo que esperar a este mes para que computara o de abril nese periodo. Isto fai que dende o 14 de marzo non teñamos ingresos nin ningunha axuda de momento, aínda que temos que seguir pagando o recibo de autónomos.

Supoño que as familias dos mariscadores estarán atravesando dificultades por mor desta situación.

Levar dous meses sen cobrar nada non é fácil para a xente do marisqueo, da que se pode dicir que vive ao día. É moi complicado non ter ingresos para facer fronte ás primeiras necesidades, comer, manter aos fillos, a luz, auga… Na ría do Burgo, na que a situación xa non era moi boa porque cos problemas dos lodos non hai moita produtividade, o traballo non é dos que dea para gardar das risas para os choros. A situación está moi costa arriba e a ver se de unha vez por todas se resolven os expedientes de cesamento de actividade e se pode dar unha solución ao colectivo.

Os mariscadores teñen esta como única actividade ou compatibilízana con outra?

Dos mariscadores a pé, que rondamos os cincuenta traballadores, creo recordar que só dous o tres teñen outra actividade.

Como foron ás últimas semanas antes da declaración do estado de alarma?

Pois non foron moi boas porque a ría está na situación na que está e todos sabemos que dende que pasa o Nadal e ata que chega o verán o produto cae de prezo, polo que con pouco produto e pouco prezo non hai moita ganancia para o sector.

Pensa que pode recuperarse o marisqueo na ría coa reapertura da hostalería?

Esperamos que si, pero os restuarantes seguen pechados polo de agora e só venden a domicilio, cando o marisco non é un produto que se demande desta maneira. Se dentro dunhas semanas abren pero cun aforo limitado, non vai ser o mesmo. E ademais o turismo tamén parou e non se pode viaxar dunhas provincias a outras, mentres que o turismo estranxeiro, que demandaba o produto galego pola gran calidade que ten, é complicado que volva a curto prazo, polo que estamos cos nervios a flor de pel á espera de ver que pasa.

A gran esperanza do sector era a rexeneración da ría, pero non sabemos que vai pasar con moitos proxectos.

A solución para a ría pasa pola súa dragaxe e a Unión Europea xa dixera que financiaría ata o 80% do custo do proxecto. Entendemos que esta alerta sanitaria é unha situación especial pero non é unha escusa para poñerlle freo a un proxecto deste calibre, polo que levamos moitos anos esperando e no que o custo que lle supón ao Goberno do Estado é mínimo. Entendemos que se agora se paraliza a dragaxe da ría sería máis unha escusa política que un ben para a cidadanía.

Confía en que a Unión Europea manteña os fondos para a recuperación da ría?

Temos a esperanza de que si e de que o Goberno do Estado non demore o proxecto. Son fondos para unha depuradora que se ía instalar en Santiago e que logo se cambiaron, polo que houbo que solicitar que os habilitaran, polo que entendemos que a vontade da Unión Europea e esta, xa que cando veu á ría unha comisión coa eurodeputada do BNG Ana Miranda aprobouse en Bruxelas a dragaxe e instouse ao Goberno a que o fixera o antes posible. Non só é un ben económico para o marisqueo, senón tamén medioambiental. E mesmo de seguridade, porque a finais de febreiro ou principios de marzo tiveron que acudir os bombeiros e a Policía Local a rescatar a un home que quedara atrapado nos lodos cando estaba pescando. E no 2012 morreu unha persoa que estaba mariscando de forma furtiva e non puido saír.

Leave A Reply

Your email address will not be published.