Jako El Muzikante, tamn en internet

Jako El Muzikante ou o que é o mesmo, o coruñés Xurxo Fernandes, tiña que estar facendo concertos e xirando polo mundo adiante con Ven al Luna Park, un traballo no que recupera algunhas das cancións que se cantaban no que primeiro foron lugares para fumar haxix e que, despois, derivaron nos cafés cantantes. Como o contacto co público vai ter que esperar, Xurxo Fernandes publicou os temas do libro-disco Ven al Luna Park nas plataformas dixitais (Spotify).

“Parecíame importante compartir coa xente, neste tempo, o traballo feito”, comenta, xa que a idea xurdiu en pleno confinamento, cando aínda non había fases de desescalada nin plans para a volta a normalidade.

Son músicas dos sefardís, dos xudeus expulsados que seguen vivas e ás que agora el presta a súa voz. “Na Coruña había unha xudería, había unha elite importante a nivel de iluminación de libros e de manuscritos”, explica Fernandes, proba diso é que unha das biblias máis importantes, a Kennicott, naceu na Coruña.

“Levo dez anos con este traballo de investigación, gravei comunidades sefardís en Grecia, Turquía e Israel para recuperar a música que eles facían nos cafés Amán, que foron os precursores dos cafés cantantes e foron os primeiros lugares de encontro de distintas razas e linguas. Foi o primeiro espazo multicultural público que houbo no imperio otomano e alí cantaban os sefardís a principios do século XX”, comenta Fernandes.

Actualmente, as comunidades sefardís están “esmorecendo”, segundo relata o músico, xa que son minoría dentro da gran comunidade xudía pero, aínda así, manteñen vivas as súas raíces.

“O máis interesante é que se souberon abrir ao mundo sen perder a súa identidade, É incrible que, despois de máis de cincocentos anos da expulsión, aínda haxa unha comunidade de 300.000 persoas que aínda falan a lingua e manteñen a música e as súas cancións . Agora mesmo está todo en mans de persoas que teñen máis de setenta anos porque a xente nova xa non aprende a lingua. É como o caso do galego, pero máis acusado e unido tamén a que son unha comunidade que non ten un territorio propio”, comenta Fernandes. Isto fixo que as comunidades sefardís vivisen sempre como unha minoría.

A lingua creouse na diáspora, así que, foi collendo palabras que se falaban nos idiomas da península Ibérica, de feito, hai vocabulario procedente do galego e foi engadindo tamén verbas turcas. Toda esa viaxe a través do mundo pódese gozar agora a través das plataformas dixitais, onde Fernandes decidiu poñer o disco para a súa difusión logo do decreto de estado de alarma derivado da crise da pandemia do coronavirus. Para ler todo o traballo previo, que se recolle no libro, cómpre esperar até poder mercalo en físico.

“Usan, por exemplo, a palabra aínda co mesmo significado ca nós. As comunidades que viñan de Galicia parece que se instalaron sobre todo na cidade de Tesalónica e alí o sefardí xa se parece máis ao galego que noutros lugares. Alí din lonxe ou colocan os pronomes á galega. No canto de dicir: para llevarles la bolsa, din para les llevar la bolsa. Teñen tamén influencia catalá e aragonesa… É unha lingua que ten algo de todos nós”, relata Fernandes, que escolleu o alter ego de Jako El Muzikante para poñer enriba do escenario -e tamén no libro-disco Ven al Luna Park– unha escolma dos temas recollidos nestes dez anos de traballo e de estudo, nos que non só aprendeu a falar sefardí senón que tamén viaxou polo mundo para aprender aquelas cancións que soaban nos cafés Amán.

Jako é “un buscavidas” que malvive cantando en casamentos e celebracións e que aproveita para levar o que non é del mentres entretén os clientes do café.

Foi o seu interese pola lingua o que o levou a percorrer miles de quilómetros, a música foi, segundo lembra Fernandes, un “proxecto inesperado”. Faltáballe material para seguir aprendendo e foi a directora dun centro a que lle abriu a porta da memoria dos maiores da comunidade. “Quedaban moi estrañados de que unha persoa que non ten a súa relixión fale unha lingua latina, primeiro desconfiaban pero despois mostraban moito recoñecemento porque un rapaz novo fose alí a rescatar das súas memorias cousas que parecía que nunca ían saír”, lembra. Foi entón cando o traballo de campo foi tomando forma e cando se decatou de que non estaba investigado este paraíso dos cafés Amán, que se mantiña vivo nas lembranzas destes maiores que escoitaran os seus pais e nais cantar e falar sobre estes espazos multiculturais.

“É un mundo máxico. Tiña unhas normas moi particulares, non escritas, pero que se seguían. Alí xuntábase de todo, un rabino, unha prostituta, un travesti, un cura, un derviche, unha muller que saía dos canons. Eran cafés para fumar haxix e primaba a evasión. Cando entrabas alí xa non existía o mundo exterior, tiñan músicos e bailaríns en vivo, normalmente homes travestidos de mulleres, aínda que non era o mesmo concepto que agora. Os musulmáns cantaban en turco, os cristiáns, en grego, os sefardís, en ladino… e esta parte é a que rescatei”, comenta Fernandes.

Estes cafés xa non existen na actualidade, foron esmorecendo entre os anos vinte e trinta, sobre todo, pola prohibición de consumo de substancias. A primeira foi o café, despois foron outras, como o alcol ou o haxix até que morreron os cafés Amán e naceron os cafés cantantes, xa máis refinados e menos abertos a todo o mundo.

Leave A Reply

Your email address will not be published.