Humor acedo candidato aos Fugaz

“Unha historia de fatalidade, sobre que se algo pode saír mal, sairá aínda peor”. Así presenta o rianxeiro Fran X. Rodríguez, que desenvolve o seu traballo na Coruña, a súa curtametraxe Beautiful Boy, unha peza nominada á categoría de mellor guión e mellor montaxe dos Premios Fugaz 2020, o principal certame de curtas en España. Inspirada nunha canción de John Lennon, a obra de Rodríguez retoma algúns dos temas máis recorrentes da súa filmografía, coma as relacións familiares, o consumismo da sociedade e máis a o paso do tempo, a través do xénero da comedia negra, capaz de transmitir cun humor ácido as reflexións máis profundas do autor. ” Beautiful Boy quere rirse desa fatalidade e, basicamente, lanza a mensaxe de que debemos desfrutar das cousas que temos diante”, explica o realizador.

A canción homónima do ex beatle di que “a vida é o que pasa mentres fas plans”, e iso é o que o creador trata de plasmar nesta curtametraxe. “É unha letra moi contundente, que alenta á xente a desfrutar das cousas do presente”, engade. Beautiful Boy rodouse no ano 2019, e xa leva percorrido gran parte do circuíto de festivais.

O contexto no que deu os seus primeiros pasos era moi diferente ao que temos hoxe en día, e por iso a curta da pe a unha segunda lectura dirixida á situación actual.

“O Covid-19 obrigounos a confinarnos, a darnos de conta de que íamos demasiado rápido con todo, de que tíñamos que seguir un ritmo desenfreado para non morrer. A mensaxe de que debemos desfrutar do que temos diante cobra sentido agora máis que nunca”, asegura o director, pai de dous nenos que recorda que antes do confinamento soamente podía velos “á hora do almorzo e á de deitarse”: “Agora estou con eles as 24 horas do día, e estou a descubrir moitas cousas novas”.

Tal e como conta Rodríguez, o protagonista da súa historia é un “neno” de 37 anos consentido e obsesionado coas súas coleccións. “Non ten oficio nin beneficio, e vive arrimado á súa nai. Un día dáse de conta de que a última das súas coleccións só pode completala coa súa propia morte”, comenta. Máis dun millar de espectadores coñeceron de cerca este relato, xa que Beautiful Boy emitiuse en aberto na páxina web dos Premios Fugaz durante 24 horas.

“A recepción foi moi boa, e os comentarios moi favorables. Estamos moi contentos, porque as propias nominacións foron unha sorpresa coa que non contabamos. O segundo ano de vida dunha curta soe ter un ritmo de selección baixo, e isto foi un subidón”, di o realizador, que agradece o traballo de toda a xente do seu equipo. e máis o apoio das empresas que colaboraron nesta produción: “Sobre todo quero dar as grazas ao produtor, Martiño Vázquez, e a Marcos Nine, o guionista, por apostar por este proxecto dende o primeiro momento”. Beautiful Boy non é a única curta de marca galega. El gran Corelli, de Abel Carbajal, e máis Limbo, de Daniel Viqueira, tamén figuran coma candidatas nalgunhas categorías dos Premios Fugaz 2020, o que confirma que o audiovisual galego ven pisando forte. Porén, o futuro que ten por diante a partir de agora estará marcado pola incerteza. “Antes xa non había moitas axudas para o noso sector, e a situación que estamos a vivir agora é moi incerta”, conclúe o realizador, que instalou hai poucos meses un plató en Alvedro.

Leave A Reply

Your email address will not be published.