Gargalladas desde a traxedia – La Opinión A Coruña

Todo empezou co papel hixiénico. O confinamento xa comezara, e Manel Cráneo fora ao supermercado en busca dese produto ao que lle deu por desaparecer dos estantes nas primeiras semanas da pandemia. O autor coruñés levaba xa tres días pechado, co virus causando novas rutinas e hábitos estrafalarios na xente, e imaxinou que non se tardaría en ter que madrugar para facerse con aquel ben tan demandado. A idea non lle abandonou no fogar, onde apartou a un lado da mesa os encargos que tiña pendentes, e botouse a plasmar o novo mundo do Covid-19 con liñas firmes sobre o iPad.

Aquela sería a primeira viñeta de Corona-Bios, unha compilación de preto de 150 estampas sobre a crise sanitaria que o artista prevé publicar a través de Verkami. A plataforma ten activa desde hai varias semanas e ata dentro de seis días unha campaña de crowdfunding que chegou case aos 5.000 euros. Comercios como Alita Cómics tamén se animaron a colaborar no proxecto, que podería chegar a todas as librarías se a iniciativa acadase os 8.000 euros de recadación. Con ela se podería dar forma e distribuír esta “memoria gráfica” sobre a epidemia, que recolle entre as súas páxinas “pequenas biografías” de autónomos, sanitarios, familias e mesmo caixeiros de supermercado.

As anécdotas que plasma veñen de longas conversas telefónicas cos amigos, dos telexornais ou da súa propia vida. “Hai algunha viñeta real, como cando o meu fillo me dixo que non lembraba o que botaban na televisión antes do Covid”, conta Cráneo. O seu libro está tinguido dese humor negro, inspirado en autores coma “Castelao ou El Roto, ao que admiro”. Coma eles, a risa é para o autor unha luz contra horizontes escuros, e o que artellou o Covid, apunta, foi un dos máis sombríos a observar.

“Complicouse todo moito dun día para outro, pero a traxedia non deixa de ser inspiradora. Eu sentíame impotente e quería pór a mente noutra cousa, así que empecei a debuxar como terapia, para desfogar o que me estaba preocupando”, explica.

O coruñés convenceuse de que “se temos un virus que ataca” el debía atacalo “con humor gráfico”, porque “temos o dereito de sorrir tamén nos malos momentos” malia que a situación sexa delicada. Confesa que ao principio dáballe reparo, porque “hai xente que está morrendo”, pero que a resposta nas redes, nas que xa leva máis de 200 viñetas publicadas, rematou de animalo.

A maioría dos seus debuxos tratan de buscar o lado positivo da epidemia, pero non sortean temas máis comprometidos ou críticos. En Corona-Bios Cráneo lembra a aqueles que pasan intres especialmente complexos, como as vítimas de violencia machista obrigadas a quedar no confinamento “co asasino na casa”, os falecidos durante a emerxencia sanitaria ou as consecuencias para os migrantes e traballadores. Cada día desde que comezou a crise, o coruñés reflexiona sobre o que sucede máis alá da porta que o mantén a salvo, e arremanga a camisa para dar vida a varias viñetas. Agarda que queden coma lembranza do acontecido, porque “a memoria da sociedade escorrega axiña”, e que “nos recorden, para aprender deles, tanto os acertos como os erros cometidos”.

Salvar a Demo

Logo de cubrir os custes de produción, todos os beneficios e dereitos de autor recadados con Corona-Bios irán destinados a Demo Editorial, o selo que o debuxante dirixe. “Levo case tres meses sen facturar, cos cómics en caixas. Pensei que isto podía ser un proxecto revitalizador, e que podía axudar ademais a outros autores galegos”, apunta Cráneo. O coruñés creou a empresa para “potenciar a creativos que fan banda deseñada galega”, un sector que define como “complicado, porque o mercado é pequeno”. Di que o selo “non ía pechar”, pero si “a ter problemas para editar a todos os autores plantexados”, xa que perdeu “o 25% dos ingresos do ano” a prol da emerxencia sanitaria.

Cráneo sabe que o perdido non se vai poder recuperar, pero espera que a iniciativa sexa “unha axuda”. Confía ademais no poder das “pequenas editoras”, que van “poder superar mellor a crise que as grandes que moven moitos cartos”, e pon a fe, se todo falla, no seu lema: “Que o creativo sexa o primeiro en crear o seu propio traballo”.

Leave A Reply

Your email address will not be published.