“Este proxecto trata de ser un elemento revitalizador do centro da cidade”

Reformar unha zona tan destacada dunha cidade pode xerar medo a un arquitecto?

Unha actuación tan importante nun sitio tan significativo non está exenta de vertixe, non tanto polo medo a caer senón pola atracción polo baleiro. Sempre que se actúa no territorio hai unha responsabilidade que fai ser comedido e, sobre todo, educado. Pero medo non, porque isto non é máis que unha cousa de coherencia e de rigor.

É posible “coser” os xardíns de Méndez Núñez co resto da cidade como dixo na presentación do proxecto?

Cando se ve a evolución da cidade a través dos planos históricos descúbrese que os xardíns sempre foron un espazo de lecer da cidade construída. A medida que o tráfico rodado se foi impoñendo, foi separándose do seu espazo máis naturalizado, que eran os xardíns. A diminución de carrís e de velocidade, e a introdución de novos pasos peonís facilita moito que ese cosido poida ser máis achegado. E os parterres que separan os xardíns do tráfico van ser individuais ademais para cada árbore para facilitar a permeabilidade. O cambio dos pasos de peóns trata de recoñecer as liñas de desexo dos cidadáns á hora de cruzar, como o que haberá fronte ao monumento de Concepción Arenal e na praza de Mina, onde se pode unir facilmente con Compostela. E en Marchesi e Dalmau fronte ao Palco da Música, polo que o que se está buscando son conexións fáciles, posibles e adecuadas, porque coser é poñer o fío polo sitio máis conveniente.

Como se resolveu o problema que suporá a supresión do tráfico nas rúas transversais?

Este novo sistema de mobilidade pasa sobre todo por entender a praza de Mina, xa que segundo os estudos municipais a praza de Ourense ten unha densidade de circulación de 30.000 vehículos, dos que 13.500 van cara ao túnel de Juana de Vega e outros tantos pola superficie desa rúa, pero, curiosamente, no sentido de saída só hai 3.500, o que nos di que hai un desaxuste. Pero permitir o xiro en Mina cara aos Cantóns tras suprimir o paso pola rúa Compostela facilita moito o tráfico e abre máis expectativas, xa que as liñas de autobús 3 e 7 poderán unir a praza de Pontevedra cos Cantóns evitando Santa Catalina.

Pero, como aconteceu coa Mariña, haberá que acostumarse á nova ordenación do tráfico cando se poña en marcha.

Pero iso pasa sempre. O que temos que facer é saber adaptarnos a novas realidades, como que o bus metropolitano pare xunto ao teatro Colón en lugar de en Entrexardíns, xa que cambia totalmente a percepción dos espazos e pode ser enriquecedor. O que pasa é que estamos nunha época na que todos queremos chegar a todos os sitios máis rápido ca ninguén e coido que hai que empezar a entender a mobilidade doutro xeito. Unha das cousas que sería fantástica é que esta arteria peonil que se consegue entre a praza de Lugo e María Pita fora a gran centro comercial da Coruña que sempre foi e debería volver a ser, polo que este proxecto pode ser un elemento de revitalización da zona que coido que é o que trata de aportar.

Vai tapar a visión do Obelisco a nova entrada peonil do aparcamento no Cantón Grande?

Vai supoñer a posta en valor dunha saída do aparcamento nun punto neurálxico da cidade pero cunha cuberta que serve para máis cousas. Ata que punto tapa o Obelisco? Na visión dende o Banco Pastor vese que non o tapa, senón que define un ámbito fronte aos edificios das fundacións, abre a perspectiva que permite ver as cúpulas do Palacio Municipal e a rúa Real. O que estrutura ese espazo non é a dimensión, senón a sensación, polo que non se tapa nada, senón que se abren perspectivas. Tapar é non permitir ver aqueles episodios urbanos que son interesantes, como as Casas de Paredes e os teatro Rosalía e Colón na Mariña, ademais das cúpulas do Concello, que quedan abertas agora cando antes o ámbito era tan estreito que non se podían ver.

Non cre que Patrimonio vai poñer problemas a esa proposta?

Con razóns obxectivas non. O que pasa é que a Patrimonio se lle presentan ás veces cousas cun razoamento escaso e neste caso hai detrás unhas ideas e unha racionalidade. Isto hai que cubrilo e é mellor facelo con algo que sirva que con algo que non sirva. Obxeccións sempre se poden poñer, pero se hai unha visión intelixente do espazo coido que non tería que haber maior inconveniente. A nosa actuación o que fai e quitarlle ruído ao Obelisco, que está bastante maltratado con escaleiras, unha rampla de garaxe e farois. O que facemos é limpalo e unha revalorización do espazo público na que Patrimonio debería recoñecer que facemos unha limpeza de obstáculos.

A peonalización de Entrexardíns vai mudar por completo o seu aspecto.

É a porta do porto e o único que se fai é dicir: entre directamente ao porto. No momento en que se conquiste o porto vai ter un peso que non ten agora porque vai ser una gran porta de entrada para a conexion da cidade co porto. É unha invitación a que se siga razoando a cidade e que se vexa o porto como unha cousa cercana. E cando se cruce dende Santa Catalina, onde haberá un paso de peóns novo, estarase vendo o peirao, e se se libera, o porto enteiro, polo que será o primeiro paso para que poidan ocorrer outras moitas cousas.

A difusión das imaxes do proxecto está xerando hoxe mesmo [por onte] un debate nas redes sociais. É bo que xurdan?

Non só e bo, senón necesario e debería incorporarse ao noso sistema de traballo a participación, pero sen entender que o cidadán vote o que opina, senón coa creación de grupos de traballo que recollan opinións, e as plasmen para que despois se discuta sobre elas. Pero se a facemos sobre a base do “gústame”, haberá xente que votará si ou non en función de que o presente un goberno ou outro ou de se lle gusta o proxectista ou non. A opinión pública organizada ten moito máis valor, porque as experiencias últimas baseadas no “gústame/non me gusta” foron un desastre.

O seu estudo é tamén autor do proxecto do paseo marítimo na zona dos Pelamios. Que ten en común co dos Cantóns?

As ganas de que a cidade participe das obras e que as obras impliquen á cidade. No paseo estamos integrando os barrios e os elementos urbanos da contorna e ademais quitarlle ao paseo o carácter de autoestrada que ten agora mediante a redución de carrís e un freado natural á altura da Escola Pablo Picasso cunha zona de xogos e de estar.

Leave A Reply

Your email address will not be published.