Confinamento e lecturas – La Opinión A Coruña

Cando iniciamos este impensable e inimaxinable estadio do confinamento, de seguro que todos pensamos que podía ser un bo momento para facer cousas que, na nosa vida normal, non podemos facer por falta de tempo. E cada quen comezou a pensar en que podería ocupar o que se nos presentaba como unha interminable xornada pechados na casa. No meu caso, que tanto me gusta ler, pensei que era a ocasión propicia para comezar a alixeirar a morea de títulos que tiña facendo cola para poder ler. O momento presentábase absolutamente idóneo: un día completo no que dedicar esas horas que non tes cando traballas e, sobre todo, ese tempo no que a mente non está ocupada cos problemas laborais diarios. A verdade é que, dentro da situación terrible que comezabamos a vivir, esta opción se me presentaba como un máxico paliativo que estaba disposta a aproveitar ao máximo.

Pero… levamos xa un mes e medio pechados e, como van os meus plans iniciais? Pois moi diferentes do planificado inicialmente. Por que? Pois, basicamente, por dúas razóns: a primeira, polas multiplicadas por mil horas de teletraballo e das reunións por videoconferencia cos compañeiros do traballo e, a segunda, polas múltiples “tentacións” que nos invitan a prestarlles atención e ocupar con iso as horas inicialmente destinadas a ler. Quen é capaz de resistirse a abrir e mirar os centos de Whats App que envían os amigos e familiares, moitos deles con vídeos de varios minutos, e responder aínda que sexa cun emoticono? Quen é capaz de resistirse e non entrar nalgunha das producións de teatros, concertos, óperas, museos… que tan xenerosamente nos ofrecen numerosas institucións públicas e privadas? Ou como non escoitar algunhas das lecturas tan fermosas que circulan estes días con motivo da celebración do Día do Libro?

E todo iso estando tamén atentos ás noticias da evolución da pandemia, á variada información proporcionada tanto polas vías oficiais como polas intervencións en faladoiros e programas divulgativos de expertos e científicos. Pois sumando todo o anterior aos labores caseiros cotiáns, resulta que queda menos tempo para ler que nos días normais de traballo, cando a esperada fin de semana era o tempo ideal para esa actividade.

Claro que tamén é certo que descanso máis, porque non teño un desagradable espertador que me anuncia o inicio da xornada laboral e que todo se fai con máis lentitude, sen as presas habituais dos días laborables. A casa está máis limpa. A roupa non se amorea para que se lle pase o ferro. As comidas son máis elaboradas, e non se perdoa a tapa do mediodía. As partidas de cartas nocturnas tamén duran máis…

Estamos a vivir unha experiencia única que lembraremos durante moito tempo, pero todo o mundo desexa poder retornar canto antes á súa habitual rutina laboral, cando o descanso era desexado como momento de cambio e alternancia de ritmos, lonxe deste descanso obrigado no que necesitamos organizar a xornada para poder dispor deses tempos nos que poder realizar as actividades que pensabamos, no inicio deste confinamento, que íamos a poder realizar a plena satisfacción e que xa vemos que estabamos bastantes equivocados. Canta razón ten aquel dito catalán que tantas veces me repetía a miña nai: Els cansats fan la feina, ou o que é o mesmo: que volvan pronto as rutinas habituais dos días laborables.

Leave A Reply

Your email address will not be published.