As gargalladas como mencia – La Opinión A Coruña

Como as comparsas de Entroido que converten a actualidade en materia de música, Tiruleque quixo ver o coronavirus desde outra perspectiva, e sumarse as propostas culturais que agroman nas redes cun toque de humor. O grupo conta desde onte no seu canal de YouTube con SanSARS Covidño-19, unha adaptación dese popular San Sadurniño co que pechan todas as festas, e que agora leva o concerto as casas dos que non poden ir velos polo encerro.

Na súa nova versión, a banda repasa as pintorescas situacións xeradas polo confinamento, que idearon e gravaron desde os seus fogares. Os versos mudan para incluír desde a ese veciño que “mira pola fiestra se vas polo pan” ata o que buscar “alugar” cadelos para pisar a rúa, ademais das xornadas maratonianas de “ioga e pilates” nas que moitos se somerxen para combater o tedio da pandemia.

“É necesario enfocala con estas pinceladas para poder afrontar estes días o mellor posible. Agardo que os que o vexan pasen un bo rato, como o que nós pasamos ao facelo, e que bailen e canten co grupo”, conta o acordeonista Álex Fente. O músico foi o responsable da montaxe final, na que inverteu máis dunha semana e que lle deixou “a cabeza coma un bombo”. Di que foi “aprendendo ao paso”, e que para logralo “algún titorial caeu”, pero que foi “o incauto que se ofreceu e tocoume”, lembra entre gargalladas.

Antes de sentar fronte ao teclado, xa se presentaran problemas, porque tocar xuntos e illados non é cousa fácil. Os sete membros de Tiruleque tiveron que atopar un oco no que falar, reescribir e tocar entre o traballo e o ruídos dos cativos, e máis dunha vez rabuñaron as madrugadas para acadar a meta. Fente aínda ten o sabor das noites que pasou discutindo con Miguel Horjales (percusión), ultimando os detalles de cando nomear aos “heroes” dos servizos públicos ou facer alusión á carencia de papel hixiénico no supermercado. Máis dunha vez houbo que tirar de creatividade, coma no caso de Luís García, que tivo que unir dúas cadeiras a falta dun soporte para o bombo no seu fogar.

Pero esa pátina de “caseiro” non prexudicou a meta: “Pasar o tempo”, e pasalo ben. Para Tiruleque o vídeo foi ademais un xeito de calmar a morriña, porque “non poder tocar xuntos lévase mal”, e o futuro non semella favorable. Fente lembra con nostalxia “os concertos nos bares”, pero hoxe mira “para diante e non hai nada”. Porén, sabe cal é a solución, e nos coros déixao claro: “Queda na casa para non contaxiar”.

Leave A Reply

Your email address will not be published.