«A ABAU non vai ser mis doada anda que haber mis opcins para elixir preguntas»

0

Leva 16 anos como docente no IES Eusebio da Guarda, no que desenvolve os seus últimos anos de vida profesional. A pandemia do Covid-19 pillouna traballando arreo, e coa mente posta en apoiar aos alumnos de segundo de Bacharelato para preparar a selectividade, a denominada ABAU (avaliación para o acceso á universidade). Benigna Vidal, Beni, é coordinadora de Bacharelato nun centro que aprende cada ano a máis dun cento de rapaces para o seu acceso á universidade. «O alumnado ten que estar preparado» , indica na conta atrás de dez días para a proba que, presume, non será máis doada, aínda que os estudantes terán máis opcións á hora de escoller preguntas.

Un ano atípico para o alumnado de segundo de Bacharelato. Como está a ser a preparación da ABAU?

Desde que a orde [ministerial] empezou a funcionar, normalizouse a situación. O alumnado pasou a corentena na casa e nos comunicamos desde o centro polas plataformas. Foise levando ben. O instituto tiña realizado as dúas primeiras avaliacións. Avanzamos nas clases sobre todo a través de medios como Zoom, e máis tarde, por Cisco Webex. Cando retomamos as clases presenciais no instituto, non foi moi elevada a porcentaxe de alumnos que veu. Foi boa cousa, non obstante, porque eles necesitaban preguntarnos dúbidas. Seguiron vindo ata a avaliación final. A partir de aí seguimos coas clases telemáticas de repaso dos currículos. Algúns rapaces pediron seguir con presencial en materias como matemáticas, física ou química.

Que sensacións lles transmiten os alumnos aos seus docentes?

Ao principio era todo una incerteza, non se sabía como ía ser a ABAU. Fóronse afacendo á situación. Desde o equipo de profesorado procurabamos tranquilizalos. A orde ministerial tardou, pero a partir de aí sabían que a nota do curso sería a media das dúas primeiras avaliacións, con posibilidadede subila co traballo feito na corentena.

Di vostede que faltaron bastantes rapaces ás clases presenciais.

Cando volveron á clase presencial, xogaba moito o que a familia pensaba do posible contaxio que podía haber. Non viñeron todos. Estamos a falar de moitos alumnos, temos seis grupos en segundo de Bacharelato.

De cantos alumnos estamos a falar preparando a ABAU?

Unha media de 24 ou 25 rapaces por seis grupos de segundo curso. Temos moito alumnado, uns 125 ou130 rapaces en grupos de ciencia, de sociais, de letras e humanidades. Máis o quenda nocturna. Estivemos preocupados ao principio. A coordinación de Bacharelato e de ESO reuníase telematicamente cos seis titores e íamos decidindo como artellar as clases. É moi necesaria a coordinación e a nivel oficial, nun centro como o noso, non está contemplada.

Entón salvoulles en parte deste transo a coordinación.

En centros con pouco alumnado organiza todo a Xefatura de estudos. No noso caso, ten que ter axudantes. En situacións extraordinarias é fundamental una coordinación. Grazas a iso, van [á ABAU] totalmente preparados. Demos todos os temarios e repasamos. Agora estamos co segundo repaso. Prolongouse pola crise este tempo de repaso. Non van a exame ata o 7 de xullo, gañamos tempo para afianzar o aprendido.

Existe a percepción entre alumnos e docentes de que vai ser máis accesible a ABAU deste ano?

Non diría que accesible. A CIUG [Comisión Interuniversitaria de Galicia] artellou diferentes modelos de exame que achegou aos centros. Danse máis posibilidades de opción. Se antes en literatura galega, por exemplo, había dous temas a escoller un; agora póñense catro. Hai máis opcións para que todo o mundo poida responder ás preguntas. Non vai ser máis doado. Os temas son os mesmos, as preguntas como as de antes e o alumnado ten que estar preparado.

Pode ser unha situación trampa. Pensar que a proba é máis doada,e, de selo, disparar as medias para acceder aos estudos desexados.

As notas subiron un pouco neste Bacharelato co Covid. Todos sabemos que o alumnado que traballa cando temos clases presenciais, traballa tamén desde a casa, adica os mesmos esforzos. O rapaz que estaba un pouco máis abandonado, contou agora con máis apoio, botámoslle unha man. Desde o equipo docente puxemos os medios, démoslle apoio e arroupámolos máis.

É vostede unha veterana da docencia. Esperaba ter pasado unha pandemia destas dimensións?

Levo no centro 16 anos, a miña carreira está case a piques de rematar. Nunca o profesorado tivo esta situación tan complexa. Temos que pensar que pode volver suceder e temos que estar moi preparados. Non nos pode coller desprevidos.

Percibiu problemas coa conectividade das familias ?

Estivemos sempre en contacto cos titores dos grupos para que fosen sabedores de se había algún alumno desconectado. A Consellería deunos ordenadores. Non chegaron e o instituto acordou desconectar equipos da aula de informática e pasoullos ao alumnado. Non houbo problemas de conectividade. O que é certo é que nas casas, como moito, hai un ordenador. Os alumnos precisan moitas horas co equipo, conectarse cos profesores de cada materia, o mesmo tempo que dura una xornada lectiva.

Saíu airosa do seu maior reto profesional.

Estamos moi orgullosos dos alumnos. Este martes faremos unha despedida ao alumnado de 2º de Bacharelato no patio, coas medidas de Sanidade.

Pode darnos en exclusiva un adianto da mensaxe que lles vai transmitir ese día aos alumnos?

Vou ler eu o discurso en nome dos profesores do centro. Nel, dígolles que vaian sempre por un camiño cun obxectivo claro que conseguir; pero que o camiño ten que ser como en Ítaca [A Odisea]: longo, cheo de experiencias que lles fagan máis sabios, e que, cando cheguen á meta, estean satisfeitos de que pagou a pena.

Leave A Reply

Your email address will not be published.